Monday 06 de May de 2024

Feijóo destaca a importancia da informática para a transformación económica de Galicia, que xa é a quinta autonomía cun maior número de empresas tecnolóxicas


Reivindica un“momento de esperanza” do sector, que evidencia como, fronte ás opinións pesimistas, “Galicia é un bo lugar para innovar”

O titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, salientou durante a presentación da obra de Henrique Neira Historia da informática en Galicia. Unha cronoloxía, a importancia desta disciplina para a transformación económica do país. Nese sentido, lembrou que Galicia xa é a quinta autonomía cun maior número de empresas tecnolóxicas, máis de 2.000, que dan emprego a máis de 14.000 traballadores.

Durante a súa intervención, o presidente da Xunta quixo reivindicar o “momento de esperanza” que atravesa o sector, reflectido en proxectos como o novo Centro de Excelencia en Intelixencia de Negocio que a multinacional Hewlett Packard Enterprise vai poñer en marcha na Cidade da Cultura. Para Feijóo, esta iniciativa demostra a confianza que o noso país achega aos grandes inversores e evidencia como, fronte ás opinións pesimistas, “Galicia é un bo lugar para innovar”.

O mandatario galego reivindicou o concepto amplo de informática que propón o libro, cuxo desenvolvemento está a protagonizar “a maior transformación á que asistiu a Humanidade ao longo da súa historia”, afirmou. Nese sentido, destacou a incidencia da tecnoloxía para “facer máis competitivas” as industrias estratéxicas para Galicia, como a do automóbil, e, ao tempo, desenvolver novas industrias intensivas en innovación, entre as que salientou as correspondentes aos sectores aeronáutico e biotecnolóxico.

Sociedade do coñecemento
O presidente da Xunta tamén se referiu á importancia de fomentar as destrezas informáticas necesarias para a nova sociedade do coñecemento, que o Executivo autonómico está a introducir na educación. Resaltou a relevancia das medidas que a Xunta está a introducir no eido educativo porque ”os primeiros galegos nativos dixitais son os que se están formando agora”, afirmou.

Finalmente, o titular do Goberno galego reivindicou a importancia que tivo a introdución da informática para facilitar a vida diaria de miles de empregados e usuarios dos servizos públicos, exemplificada en grandes avances como a Historia Clínica Electrónica, a receita electrónica ou dixitalización das sedes xudiciais, ás que nas vindeiras semanas se unirá Historia Social Única Electrónica. “8 de cada 10 trámites coa Xunta xa se poden iniciar a través da rede”, concluíu.